Manifesto da Plataforma Veciñal Variante NON



En relación ao proxecto do trazado da Variante CN-550 en Padrón, Pontecesures e Valga (no referente á alternativa seleccionada nº 4), que se atopa en fase de estudo informativo e anunciada a súa exposición pública, a Plataforma Veciñal Variante Non!, manifesta:

- O Ministerio de Fomento quere agasallarnos cunha vía de alta capacidade que se nos vende como unha alternativa gratuíta á autoestrada AP-9 e co único obxectivo de liberar de tráfico á N-550, mais sabido é que esta non presenta ningún tipo de problema de tráfico ao seu paso polos concellos de Valga e Pontecesures.

- Preténdese construír unha estrada coa capacidade dun carril por sentido (ampliable nun futuro a dous por sentido) e cun valado perimetral, que nas súas diferentes alternativas, percorre os concellos de Valga e Pontecesures, coa conseguinte perda de terras agrícolas, superficie forestal, naves industrias e vivendas. Non resulta útil nin necesaria para a mellora da mobilidade local, senón está pensada para o tráfico de longa distancia. Nun espazo de 500 m existirían tres infraestruturas viarias, co mesmo uso e finalidade. Sería útil que as administracións se deixaran de duplicar, en como é neste caso triplicar, infraestrutura que non ten sentido.

- O trazado resulta agresivo para a propia conformación dos núcleos rurais de poboación e das súas areas de expansión, condicionando dunha forma evidente o desenrolo dos usos residencias asociados a estes. Así, a área de afección que conlevaría a construción da variante será de decenas de metros a ambos lados desta, polo que se verán afectas moitos máis terreos e vivendas dos que se reflicten no proxecto presentado. Executaranse noiros de varios metros de altura ao lado das propias vivendas, dividindo en dous lugares que ata agora convivían como unha única unidade, illando deste xeito aos veciños e producindo unha perda da calidade de vida (aumento de ruídos, cambios de temperatura, cambios na dirección do vento...).

- Coa execución do proxecto, modificará trazados de estradas moi empregadas para a mobilidade local, tanto para vehículos como para peóns, que dan acceso a cemiterios, igrexas... que farán más difíciles as comunicacións para todos os veciños.

- Terreos de grande aptitude agrícola serán expropiados e outros verán diminuída a súa capacidade produtiva. Hai que ter en conta, que a variante atravesará territorios rurais, nos que a agricultura é un complementos fundamental para chegar a fin de mes das familias. Deste xeito, destruíranse terreos con alto valor produtivo, ambiental, paisaxístico e ecolóxico.

- Como no caso anterior, a perda de terreos para a produción forestal, provocará perda económica para as familias. A elección do trazado non afecta ao monte veciñal en man común, mais as outras alternativas existentes si provocarían unha perda importante do monte comunal.

- O trazado levará por diante toda a infraestrutura para a xestión da auga, tanto para uso doméstico como para a hortas ou labores agrícolas. Deste xeito, traídas municipais, así como acuíferos, fontes, presas, minas, mananciais, pozos, depósitos, canais, regos, regatos... veranse afectados por xigantescos desmontes, comprometendo o abastecemento de auga de varios lugares das parroquias afectadas. A infraestrutura proxectada deixará consecuencias impredicibles en canto a futuras inundacións e asolagamentos, xa que actuará como unha barreira infranqueable para o discorrer das augas de escorrentía, de regos e regatos, así como dos ríos Valga e Ulla.

- Atopámonos diante dunha paisaxe que, estando ante nós a diario, non debemos deixar de apreciar e estimar. A maneira que esta se nos presenta, é o froito dos nosos antepasados e da labor da natureza ao longo do tempo, polo que as persoas que agora ocupamos este territorio temos a labor de conservar e por en valor esta valiosa herdanza. Tendo en conta isto, o proxecto ten un impacto paisaxístico moi severo, que provoca uns danos irreparables en lugares dos concellos de Valga e Pontecesures, que deixarán de existir tal e como hoxe os coñecemos.

- No referente ao patrimonio histórico, cabe destacar a gravísima agresión que o Camiño Portugués a Santiago, e toda a súa área de afección, sofre á altura da Tarroeira (Pontecesures), no que se proxecta a execución da variante por riba da traza do camiño, ademais da construción dunha rotonda e unha saída da futura vía. Hai que lembrar tamén, que segundo a lexislación, o arborado existente na marxe do Camiño Portugués, deberán conservarse e protexerse. Ademais da afección directa, hai que dicir que practicamente a totalidade do traxecto do Camiño Portugués ao seu paso polos concellos de Valga e Pontecesures, verase afectado polo impacto visual da variante. Outro camiño histórico afectado é a Vía Militar Romana Número XIX, que como no caso anterior, é afectada á altura do Campo (Valga), coa construción doutra rotonda e dunha saída da vía. O asentamento fortificado da Idade do Ferro-Medieval (posible asentamento castrexo) do Monte Castelo na Medela ou a Igrexa de San Miguel de Valga, que non se verían afectados directamente pola variante, mais o impacto visual que causaría é moi grande. Ademais, elementos patrimoniais e etnográficos como cruceiros, hórreos ou a arquitectura tradicional de río (muíños, pontes, pontellas, lavadoiros...) veranse afectados dunha maneira directa.

- O medio ambiente tamén se ve agredido, e así non se respecta unha área de grande valor ambiental como é a veiga do río Valga. Este conxunto está formado por terreos de pastos de grande produtividade así como bosque de ribeira asociado ao leito do río. Coa execución da variante, producirase a rotura e perda de continuidade deste valioso ecosistema. Desta maneira, o sistema complexo que forma o bosque de ribeira, e que tardou séculos en formarse, será destruído nunha parte. Ademais, cortaranse vías naturais de uso da fauna local e fluxos de auga das que se nutre tanto a fauna como a flora. Na actualidade, estes terreos de grande valor ambiental, que son atravesados por rotas de sendeirismo e ecuestres, así como frecuentado por afeccionados á bicicleta de montaña, veranse gravemente afectados.

- O trazado da variante implicará a destrución do tecido social, cultural e económico da zona, xa que non se verá favorecido o asentamento da poboación no rural, modificará estilos de vida rurais e provocará perda de calidade de vida. Ademais, os negocios asentados á beira da actual N-550, sufrirán unha grande perda económica pola diminución de tráfico desta, convertendo núcleos de poboación actuais en pobos pantasmas.

Por todo o dito anteriormente, SOLICITAMOS:

- A retirada da alternativa proposta, así como calquera das outras, por todo o anteriormente dito e por ser un auténtico despropósito e innecesaria, ademais do derroche de diñeiro público que conlevará este capricho político.

Ningún comentario:

Publicar un comentario