Aquí vos deixamos as alegacións que presentou esta Plataforma
veciñal, fronte as pretensións da Demarcación de Estradas do Estado de
construir unha variante nos nosos concellos.
Podedes descargalas aquí.
Manifesto da Plataforma Veciñal Variante NON
En
relación ao proxecto do trazado da Variante CN-550 en Padrón,
Pontecesures e Valga (no referente á alternativa seleccionada nº
4), que se atopa en fase de estudo informativo e anunciada a súa
exposición pública, a Plataforma Veciñal Variante Non!, manifesta:
- O
Ministerio de Fomento quere agasallarnos cunha vía de alta
capacidade que se nos vende como unha alternativa gratuíta á
autoestrada AP-9 e co único obxectivo de liberar de tráfico á
N-550, mais sabido é que esta non presenta ningún tipo de
problema de tráfico ao seu paso polos concellos de Valga e
Pontecesures.
-
Preténdese construír unha estrada coa capacidade dun carril por
sentido (ampliable nun futuro a dous por sentido) e cun valado
perimetral, que nas súas diferentes alternativas, percorre os
concellos de Valga e Pontecesures, coa conseguinte perda de terras
agrícolas, superficie forestal, naves industrias e vivendas. Non
resulta útil nin necesaria para a mellora da mobilidade local, senón
está pensada para o tráfico de longa distancia. Nun espazo de 500 m
existirían tres infraestruturas viarias, co mesmo uso e finalidade.
Sería útil que as administracións se deixaran de duplicar, en como
é neste caso triplicar, infraestrutura que non ten sentido.
- O
trazado resulta agresivo para a propia conformación dos núcleos
rurais de poboación e das súas areas de expansión,
condicionando dunha forma evidente o desenrolo dos usos residencias
asociados a estes. Así, a área de afección que conlevaría a
construción da variante será de decenas de metros a ambos lados
desta, polo que se verán afectas moitos máis terreos e vivendas dos
que se reflicten no proxecto presentado. Executaranse noiros de
varios metros de altura ao lado das propias vivendas, dividindo en
dous lugares que ata agora convivían como unha única unidade,
illando deste xeito aos veciños e producindo unha perda da calidade
de vida (aumento de ruídos, cambios de temperatura, cambios na
dirección do vento...).
- Coa
execución do proxecto, modificará trazados de estradas moi
empregadas para a mobilidade local, tanto para vehículos como para
peóns, que dan acceso a cemiterios, igrexas... que farán más
difíciles as comunicacións para todos os veciños.
- Terreos
de grande aptitude agrícola serán expropiados e outros verán
diminuída a súa capacidade produtiva. Hai que ter en conta, que
a variante atravesará territorios rurais, nos que a agricultura é
un complementos fundamental para chegar a fin de mes das familias.
Deste xeito, destruíranse terreos con alto valor produtivo,
ambiental, paisaxístico e ecolóxico.
- Como no
caso anterior, a perda de terreos para a produción forestal,
provocará perda económica para as familias. A elección do
trazado non afecta ao monte veciñal en man común, mais as outras
alternativas existentes si provocarían unha perda importante do
monte comunal.
- O
trazado levará por diante toda a infraestrutura para a xestión da
auga, tanto para uso doméstico como para a hortas ou labores
agrícolas. Deste xeito, traídas municipais, así como acuíferos,
fontes, presas, minas, mananciais, pozos, depósitos, canais, regos,
regatos... veranse afectados por xigantescos desmontes, comprometendo
o abastecemento de auga de varios lugares das parroquias afectadas. A
infraestrutura proxectada deixará consecuencias impredicibles en
canto a futuras inundacións e asolagamentos, xa que actuará como
unha barreira infranqueable para o discorrer das augas de
escorrentía, de regos e regatos, así como dos ríos Valga e Ulla.
-
Atopámonos diante dunha paisaxe que, estando ante nós a diario, non
debemos deixar de apreciar e estimar. A maneira que esta se nos
presenta, é o froito dos nosos antepasados e da labor da natureza ao
longo do tempo, polo que as persoas que agora ocupamos este
territorio temos a labor de conservar e por en valor esta valiosa
herdanza. Tendo en conta isto, o proxecto ten un impacto
paisaxístico moi severo, que provoca uns danos irreparables en
lugares dos concellos de Valga e Pontecesures, que deixarán de
existir tal e como hoxe os coñecemos.
- No
referente ao patrimonio histórico, cabe destacar a gravísima
agresión que o Camiño Portugués a Santiago, e toda a súa área de
afección, sofre á altura da Tarroeira (Pontecesures), no que se
proxecta a execución da variante por riba da traza do camiño,
ademais da construción dunha rotonda e unha saída da futura vía.
Hai que lembrar tamén, que segundo a lexislación, o arborado
existente na marxe do Camiño Portugués, deberán conservarse e
protexerse. Ademais da afección directa, hai que dicir que
practicamente a totalidade do traxecto do Camiño Portugués ao seu
paso polos concellos de Valga e Pontecesures, verase afectado polo
impacto visual da variante. Outro camiño histórico afectado é a
Vía Militar Romana Número XIX, que como no caso anterior, é
afectada á altura do Campo (Valga), coa construción doutra rotonda
e dunha saída da vía. O asentamento fortificado da Idade do
Ferro-Medieval (posible asentamento castrexo) do Monte Castelo na
Medela ou a Igrexa de San Miguel de Valga, que non se verían
afectados directamente pola variante, mais o impacto visual que
causaría é moi grande. Ademais, elementos patrimoniais e
etnográficos como cruceiros, hórreos ou a arquitectura tradicional
de río (muíños, pontes, pontellas, lavadoiros...) veranse
afectados dunha maneira directa.
- O
medio ambiente tamén se ve agredido, e así non se respecta unha
área de grande valor ambiental como é a veiga do río Valga.
Este conxunto está formado por terreos de pastos de grande
produtividade así como bosque de ribeira asociado ao leito do río.
Coa execución da variante, producirase a rotura e perda de
continuidade deste valioso ecosistema. Desta maneira, o sistema
complexo que forma o bosque de ribeira, e que tardou séculos en
formarse, será destruído nunha parte. Ademais, cortaranse vías
naturais de uso da fauna local e fluxos de auga das que se nutre
tanto a fauna como a flora. Na actualidade, estes terreos de grande
valor ambiental, que son atravesados por rotas de sendeirismo e
ecuestres, así como frecuentado por afeccionados á bicicleta de
montaña, veranse gravemente afectados.
- O
trazado da variante implicará a destrución do tecido social,
cultural e económico da zona, xa que non se verá favorecido o
asentamento da poboación no rural, modificará estilos de vida
rurais e provocará perda de calidade de vida. Ademais, os
negocios asentados á beira da actual N-550, sufrirán unha grande
perda económica pola diminución de tráfico desta, convertendo
núcleos de poboación actuais en pobos pantasmas.
Por
todo o dito anteriormente, SOLICITAMOS:
- A
retirada da alternativa proposta, así como calquera das outras, por
todo o anteriormente dito e por ser un auténtico despropósito e
innecesaria, ademais do derroche de diñeiro público que conlevará
este capricho político.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)